Motivación


O futuro da sociedade é responsabilidade de todos e dependerá do que sementemos no hoxe e agora. Por iso, a formación da xuventude está sempre nun primeiro plano como tarefa común, do Estado, das institucións públicas e das familias; da sociedade civil e das persoas singulares. Ninguén se debe desentender e a ninguén se lle pode apartar desta tarefa.

Avaliar en qué grao a nosa xeración está a cumprir este labor resulta inquietante. A percepción que se ten é de incerteza, a pesar do enorme volume de medios, públicos e privados, que se verquen en educación e cultura. Algo nos escapa que nos impide mirar o futuro con plena confianza.

Fundación Montecelo pretende entrar nesta dinámica e ser un instrumento máis ao servizo dunha sociedade moderna, aberta e integradora, con valores que faciliten o desenvolvemento das persoas, de cada unha delas, sen exclusión.