Historia


A Fundación Montecelo constituíuse en 1994, impulsada por un grupo de antigos residentes do Colexio Maior A Estila, obra corporativa da Prelatura do Opus Dei, con ocasión da rehabilitación do Pazo de Montecelo, situado nun outeiro que domina a Ría de Betanzos.

Nos terreos do Pazo, dende 1972 víñanse realizando actividades con xente nova, en especial campamentos de verán, que complementaban a formación recibida nas familias e nos centros docentes. Para reforzar esta tarefa e chegar a máis persoas, víase a necesidade de rehabilitar o antigo Pazo, que estaba practicamente en ruinas, para convertelo nun centro cultural. Como isto comportaba un serio compromiso económico, constituíuse a Fundación para recoller fondos con esa finalidade.

Dende entón, o radio de acción da Fundación estendeu a diversas cidades de Galicia, e está presente en A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo.

Na medida das súas posibilidades, a Fundación atendeu tamén proxectos en países menos desenvolvidos ou afectados por calamidades naturais.